06/07/08

O Grilo


Acordoume hoxe o entrañable señor Pepe, “o Grilo”.
Sempre con un saco de estraza ó lombo, gorra publicitaria, chaqueta de sastre, pantalón de loneta, e os zapatos de Benavente dos que tanto presumía.
Enterrador, capador e canteiro de profesión, oficios ruíns para un home con coraza por fóra e melaza por dentro.
Amigo de todo o mundo sempre se paraba a contar historias e adiviñas cifradas, seguro inventadas por él a maioría das veces:
-“Campo verde, sembradura blanca, 5 arados y una palanca....” que é? Non dades co conto oh!!
Ría de todos que lle dicían respostas erradas.
- Sr Pepe , eu seino!
- Haber ti logo, pequena.
- É a escritura
Calou.
- Carallo, a rapaza é vicha, pescaas todas.
Explicábame, que él contaba contos porque non sabía escribir:
- Aprende a escribir, e a ler ben, que as palabras levaas o vento, neniña, e só permanecen cando alguén te escoita.
E ría sen parar mais de media hora...
O premio por atendelo e acertar era unha bolsa de caramelos toffes, que sacaba daquel seu saco de estraza onde todos críamos que tiña apeiros de traballo e lotes das sepulturas.
- Grazas Sr Pepe, pero a min gústanme tamén os de sabores, non ten?
- Ei de traerchos, lamboniña, hoxe solo teño dos que estorban ós dentes.
E marchaba tocando a filarmónica, tamén de Benavente.
Tivo 2 fillas, dun matrimonio cunha muller que él pintaba perfecta, a cal perdeu sendo as nenas pequeniñas. As nenas enfermaron, e non quedaron ben xa máis nunca. A unha das rapazas con tan só 15 anos abusando da súa afección burlárona e quedou embarazada, con 16 tivo un neno. Con 17 morreu.
O Sr Pepe, ensumiu con tan forte golpe, pero seguiu adiante con todo. Baseou a súa vida nunha filla mermada, e no neto que o revivía e o colmaba de gusto.
O seu neto creceu, e de mozo fixo a mili en Benavente. De permiso trouxo para seu avó, un zapatóns con punta de aceiro, e unha filarmónica a estrear. O Grilo enchía o peito.
Despois da mili, o seu neto mozo gaucho, traballador e farruco, nunha mala hora, matouse.
Él mésmo enterrou ó seu neto, él dicía que aquel día enterreouse él tamén pero o corpo quedoulle fóra. Perdeu sentido, perdeu corpo e perdeu razón.
Dende aquela, armouse de saco ó lombo, e tiraba a andar encorvado pola vila adiante, coa cabeza baixa, ata topar con xente. El ría pra xente, contáballe contos, rogáballe presentes... e a xente abusaba dél, porque “O grilo” era un tolo amargado, querían os seus traballos sin factura, pero non as súas historias faladas.
A xente escapaba dél para non atenderlle ós seus contos, e eu recordo buscar “ó Grilo” para oirllos.
Cando morreu “o Grilo” chorei todo o día, mentras oía decir:
- Fixo Deus mil favores, foi bó home, pero estaba perdido, que vida era esa, tolo de todo, a contos polas casas, roñoso, con sacos de caramelos pra todo o mundo...
Espero Sr Pepe que esas palabras ruíns da xente que non quería escoitalo, sí que as levase o vento, eu as súas recórdoas, e todos os seus contos, como se me regalase o libro dos seus saberes.