22/03/09

Asalto



Este,
para min,
é un día
ladrón

20/03/09

Por gusto


Detonar unha mascletá de bicos e verdades coma
mundos,
rebentar o aguante e desafiar ao silencio
baixo a sombra esperta
do desexo.

18/03/09

Nostalxia

Que doloroso é levarte flores mirando o teu nome escrito en letras gravadas en pedra de granito.
Fuches un pai sabio, inmensamente bo, cariñoso, xeneroso, loitador, sensible e especialmente humano, e en ti fundamento todo o meu orgullo de persoa e toda a herdanza de ser que me deixaches.
Hoxe algúns pais levarán unha camisa nova, unha colonia, un licor... e ti non estarás.
Hoxe regalarei para ti coma sempre, o meu pensamento en recordo.

15/03/09

Quen canta

Estes non son días calquera, son días de mal sabor de boca. Son os días onde fai 10 anos se volvían unha conta atrás.
Sempre que marchabas pra volver, nos días previos soaba música todos os días para facelos render, e para distraerme da pena que tiña porque te ías. E ti cantabas, e dedicábasme as miñas, para que rise e non che fixera máis difícil afastarte de nós. Soaban entre máis deles os Tamara, e pra min púñasme A meiga coma quen que era por min.
- Ti non me quedes pra vestir santos eh!, hai que buscar un mozo guapo e xeitoso, que che atenda ben, e non che marche pra o mar.
Fai 10 anos nestes días antes de que non volverás máis, non se oía música, nin sequera xa, se podía oír a túa voz.

14/03/09

De gramófono

Danzo co ánimo en cancións de tango nun faiado cheo de min, con aire mareiro asubiando nun pequeno ventanuco da casa natal a beira do mar.
Arrombo dúbidas que pesan máis que razóns mentres soa Alma de Loca de Gardel.
Nada concorda no meu pensar, e canto máis arrombo, máis barullo.
Teño un afogo na gorxa que non me deixa falar e o sorriso é un farsante na miña cara.
Estou doída e síntome soa.
Quero fuxir.

13/03/09

Non viro

Eu non quero ser parroquia da túa intención freguesa.
Eu son unha descrida, unha infiel do que ti pensas, e predico a guerra contra os mandados.
Eu non son ovelliña de cordel que has de guiar pola túa man,
eu son coma un carneiro de corno chato, que se me amarras a corda, de seguido cha desato.

11/03/09

Sin conto

-Puedo hacerte una pregunta?
Dixo un doutor de bata branca e ollos azuis no corredor do hospital
-Si
- Por qué unas tienen que ser cenicientas y otras princesas?
Quedei calada, sen entender moi ben
- Escucha, te miro y veo una princesa, no dejes que nadie haga de ti una cenicienta.
Ah y por cierto, tienes una sonrisa preciosa y una sensibilidad apreciable. Que tengas un buen día y piensa en lo que te he dicho.
- Gracias, eu tampouco gosto moito de ser un apandote, pero tampouco pinto moito de princesa...
E rin, cun aceno de gratitude por dedicarme palabras de conto, descrida en tempos de principes e princesas.