Un ego ben criado acaba tendo intereses propios superiores á todo sentimento alleo. Intereses que marchan, querendo deixar, unha remesa de remordementos, desdeñando a dedicación dos que sempre están cando teñen que estar, querendo abolir con un todos contra un, calquera lei innata de superación.Pero ten conciencia desertora que cando dá de si, perde folgos e pide perdón con pesares dende a distancia, chamando a cobro revertido, querendo cambiar ó naipe nesta partida de tempo, soidade e teima, na que se perde moito máis do que se gaña, e na que os que nunca tivemos sorte, seguimos sen apostar.
Un espírito abnegado pasa contas a un corazón instruído en tempos de guerra, e cada acción que doe, fire como metralla porque aínda hai dimensións do egoísmo que faltan por coñecer.
Podo ter un aguante maduro, un saber estar acostumado a tolerar, e unha predisposición disposta coa paciencia apeada bulindo dun lado pa outro nun colchón estacionario onde se deitan as boas oportunidades de calar, pero o meu corazón cambalea neste chedeiro, vencido en carga.
Podes estar aquí ou estar alá, pero sempre estás lonxe, e eu sigo gardando nun soto, demasiada vida incautada.