09/11/08

Celos

Querías que estivese, querías levarme contigo a todos os lados. Era a túa aliada pequena, a que enchías de ilusións a cabeza, de contos, de batallas... ti sempre coa milicia...
-Vamos nena, hoxe loitarán os ingleses contra os españois vamos preparar o armamento.
E tíñasme unha tarde enteira collendo follas de cores e paus a medida para a gran batalla. Logo no combate escondíasme para que non vise a guerra, e no fin viñas orgulloso alardeando da vitoria dos nosos.
Sempre xuntos para todo, ti sabes ben que eu non te cambiaría por ninguén deste mundo.
Nunca estando ti, quixeches que me faltase de nada, sufrías a distancia por saber que sendo aínda nena vivía un calvario en soidade.
Hoxe, de mozos seguimos co noso “aquel” de non darnos un sen o outro, aínda roubados, aínda coas vidas armadas, queda esa necesidade de aliarnos para calquera cousa.
Es o meu orgullo, co que encho a boca a falar, es a miña satisfacción.
Non teñas pena, nin xenio, que o que te quero a ti non o reparto con ninguén.