Aguantar o rebulir das ansias impacientestanteadoras de pasos, controladoras dos meus andares, que actúan tal cal rexe a psicoloxía inversa dunha cabeza chea de máis.
Acostumarme a escoitar ao silencio falando de ti,
a mirar de esgalla e deixar todo o que sinto a expensas de ánimos e razóns.
Camuflar a victoria agochada na man, cun exército liderando unha bandeira branca, e un aval de rendición escoltado.
Contar os egos alleos que levo na suma dos meus faceres, restar os tantos da miña escolla para deixar ben cadrado.
Conformar co aire que me bate na cara cando ando ás carreiras, aguantar a cotío a respiración repartida en suspiros.
Establecer un manual de recursos autómatas que non me inmuten, distribuír o corazón en cachos de cada quen, asimilar o evidente que hai en tódalas miñas dúbidas, facerme amiga do medo e gastar o tempo en van, deixándoo pasar, coa fe posta nunha intención que me ha seguir mantendo erguida.