02/03/09

Tépeda

Quixera trazar unha recta tanxente nos rodeos e delimitar o punto no que as voltas que se dan deberían parar.
Contabilizar en cuartas, para non ser minuciosa pero si acertada, e intentar adiviñar a parte de loucura que podería inculcarme.
Escoitar fitando calada, as queixas da xustiza en desbarate, pintando de cores un sorriso intencionado, humedecendo con bicos a boca desecada.
Afastar o tempo dos reloxos, avituallar horas de vida, asimilar a realidade tanxible que mide as arroutadas de todos en tantos por cento desmemoriados.
Hoxe quixera tamén, poder durmir e soñar con espertar nun xalundes con mar, sen facer caso de máis nada.